dilluns, 14 d’abril de 2014

Hai que desdramatizar a independencia, nin sequera o estado espanol e independente

http://praza.com/politica/6938/hai-que-desdramatizar-a-independencia-nin-sequera-o-estado-espanol-e-independente/


A USC e o Consell de Diplomàcia Pública de Catalunya celebraron este xoves en Compostela unha xornada de debate sobre o proceso soberanista catalán e o dereito a decidir. O encontro celebrouse ao redor de dúas mesas redondas de debate, que buscaban "fomentar un diálogo construtivo entre académicos e membros da sociedad civil catalá e galega". Na primera participaron Joan Lluís Pérez Francesch, profesor de Dereito Constitucional da Universitat Autónoma de Barcelona, Ramon Máiz, catedrático de Ciencia Política da USC, e Antoni Pigrau, Catedrático de Dereito Internacional Público da Universitat Rovira i Virgili, que analizaron o proceso dende un punto de vista xurídico, político e internacional. A segunda mesa redonda contou coas voces de Eduard Torrent, xerente da Cámara de Comercio de Girona, o actor catalán Juanjo Puigcorbé, Suso de Toro e Anxo Lugilde, correspondente de La Vanguardia en Galicia.

O encontro celebrábase, ademais, apenas dous días de que o Congreso botase abaixo a solicitude do Parlamento catalán para cederlle as competencias para a realización de referendos. Falamos con Joan Lluís Pérez Francesch, profesor de Dereito Constitucional da UAB, membro do colectiu Praga, xuristas a favor do dereito a decidir, e coordinador dun grupo de investigación sobre Liberdade, seguridade e transformacións do Estado.

É difícil facer valoración meramente xurídicas nun tema que ten unha connotación tan política, e política con maiúsculas, ademais. A miña valoración, neste caso, non é xurídica, senón política puramente. Vexo que o Congreso se presenta ante unha parte importante da opinión pública de Catalunya como unha institución non inclusiva, como unha institución excluínte. Para min representa unha crise da institución. Xa o Tribunal Constitucional xerara moita desafección a respecto de España e agora chega o Congreso, imos sumando. Hai unha miopía política brutal por parte dos grandes partidos españois de non dar ningunha solución a un problema estrutural do Estado que tanto afirman defender. Pero antes ou despois deberán buscar unha solución, unha solución que eu creo que non é xurídica. O Dereito canaliza a vida, busca solucións para os problemas da vida. Un non pode agochar a cabeza baixo a á e dicir que en nome da soberanía nacional ou da unidade nacional non se pode falar de nada. O nacionalismo que en Madrid chaman periférico cada vez é máis periférico e fronte a el crece un nacionalismo español madrileño que creo que non representa a realidade sociolóxica de España.

Como valora o debate que tivo lugar esta semana no Congreso? Que consecuencias inmediatas pode ter, sobre todo dende o punto de vista xurídico?

A consulta non ten viso ningún de inconstitucionalidade. Ao revés, eu mesmo diría que aplicar a Constitución é permitir que se faga unha consulta"Hai un sentimento maioritario de desafección. Este concepto da desafección xa o expresou o presidente Montilla, que de independentista tiña moi pouco. Díxoo xa cando se presentou o recurso de inconstitucionalidade contra o Estatut. E despois chega un Tribunal Constitucional totalmente manipulado politicamente e recorta competencias e discute que Catalunya poida ser unha nación. A sentenza foi demoledora, todo ese proceso queimou moita xente, todo o intento de atopar un encaixe para Catalunya. Hai desafección cara ao Estado, porque a xente percibe que está en mans de persoas que non entenden os problemas difíciles da convivencia, non só os económicos, senón tamén os espirituais e identitarios. Sobre todo dende que goberna o PP. É unha provocación constante.

Vostede ten defendido en moitas ocasións que hai múltiples fórmulas dentro da Constitución para levar a cabo esta consulta de forma legal...

Si, moitos xuristas estudaron este tema, e mesmo hai un informe do Institut d'Estudis Autonòmics da Generalitat que di que como mínimo hai cinco vías, e todas constitucionais e legais para realizar esta consulta. A consulta non ten viso ningún de inconstitucionalidade. Ao revés, eu mesmo diría que aplicar a Constitución é permitir que se faga unha consulta. Estamos nunha concepción da Constitución inquisitorial, todo está prohibido, úsase a Constitución como arma arreboladiza, como xa se fixo na época do Plan Ibarretxe. A Constitución serve para organizar a convivencia, non só para prohibir cousas, serve para a vida dos cidadáns, non para os grandes poderes.

A palabra reforma constitucional, despois de 35 anos nos que non se reformou nada, máis que o que veu imposto por Europa, e ademais en mans do PP, é para botarse a rir. A reforma para facer que? Esa reforma que propón Rajoy é para reorganizar o Estado das Autonomías coa eficiencia económica como divisa. A reforma auténtica é a do Estado, unha reforma en clave plurinacional, para que o poder político estea noutros sitios que non sexan Madrid ou Bruxelas, pero o poder político de verdade, non o dos xogos infantís. E como non queren que ese poder estea noutros sitios, hai un dominio do capitalismo cibeles e do madrileñismo político. Hai moita xente que vivimos fóra de Madrid e fóra da concepción madrileña de España. Até que non se entenda que España non é así, o problema non se solucionará.

E como valora, despois de tantos anos de negativas, que agora o presidente Rajoy convide a propoñer unha reforma da Constitución, se non se está de acordo con ela?

Reformar a Constitución para temas técnicos non creo que sirva para nada. E reformala para solucionar de verdade o problema véxoo inviable, non vexo que este goberno e o PP poidan neste momento integrar a plurinacionalidade, que é o gran problema de España. España é unha nación fracasada, que non quere aceptar a realidade: que podería ser unha nación moito máis exitosa sendo plurinacional, pero non quere, obsesiónase en ocultar a diversidade nacional. En España nos últimos 200 anos cada vez que houbo liberdade a xente organizouse en base a realidades nacionais. Podes ignorar iso, pero está aí. Todo o que non sexa unha gran reforma para incluír iso, non servirá de nada. E o federalismo do PSOE aínda menos: o que non fixeron en 40 anos vano facer agora?

Como se ve en Europa o proceso soberanista catalán?
O tema preocupa e interesa en Europa, en dúas vertentes moi distintas, entre as que hai unha tensión. Por un lado está a preocupación polos Estados-nación, que é a fórmula sobre a que se foi construíndo Europa, e preocupar que iso provoque inestabilidade nese modelo. E tamén hai outros sectores que si apostan polos dereitos das nacionalidades. É un problema común a moitos territorios europeos. E entendo que preocupe en moitos lugares, pero este tipo de procesos, cando son cívicos e pacíficos, é difícil que poidan ser freados.

Se finalmente hai consulta e gaña o si, como debería ser o día despois?

Primeiro habería que permitir esa consulta, que é estritamente iso: unha consulta, sen valor vinculante. Se nesa consulta gañase o si, habería que proceder a unha reforma da Constitución para darlle encaixe a esta demanda de poder soberano de Catalunya. Este status novo de Catalunya podería ser a independencia, a asociación, o estado-libre asociado, moitas fórmulas. Hoxe en día a independencia non significa poñer fronteiras, é exercer un poder soberano, é o atributo da soberanía, que para min é o tema clave. Hai que levar a cabo unha reforma na Constitución para dar cabida a este concepto, e despois xa veríamos que saída se lle dá ao concepto de independencia, que hai que desdramatizar e relativizar. Para empezar o propio Estado español non é independente, xa que está na UE e ten as súas decisións económicas intervidas pola troica.

Como se pode desbloquear esta situación? Que cre que pode pasar nos vindeiros meses?

Cústame moito imaxinar como se pode desbloquear ou reconducir esta situación. O 9 de novembro pode haber unha consulta, ou pode non habela. Produciuse como unha ruptura emocional entre os gobernantes de Catalunya e os de España e non sei como se pode solucionar isto se non falan. E se falan, falan de cousas diferentes. Agora vaise aprobar en Catalunya a Lei de Consultas e tamén a van declarar inconstitucional. E, claro, nesta situación ou dás solucións ou vas xerando máis malestar. E vai crecendo, cando menos en Catalunya, unha sensación da ineficacia da política para solucionar os problemas. A política está cautiva da súa incapacidade para atopar solucións. Para que queremos unha política que é a xestión do malestar? E por iso xorde un movemento na sociedade civil, e iso é a parte máis positiva deste proceso. Este tema fixo que a xente atopase un tema polo que lle paga a pena mobilizarse.